Friday 17 de May de 2024

Veciños de Frades comezaron un curso gratuíto de prevención de riscos laborais no manexo de maquinaria agrícola


Unha decena de veciños de Frades participa dende hoxe nun curso gratuíto de Prevención de Riscos Laborais no Manexo de Maquinaria Agrícola, organizado polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral en colaboración co Concello de Frades, coa Consellería de Traballo e Benestar e co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

Este curso impartirase no multiúsos de Frades ata o próximo 20 de novembro, contabilizando un total de 22 horas lectivas. Durante este tempo, o alumnado aprenderá conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo, así como medidas de protección e prevención que deben adoptar no manexo de apeiros e condución de tractores por estradas e camiños agrícolas. Ademais da parte teórica, os veciños de Frades asistirán a unha práctica de campo de 12 horas sobre operacións previas ao uso da maquinaria, repostaxe, estacionamento, circulación e enganche/desenganche de apeiros.

O concelleiro de Medio Rural, Manuel Ferreiro, foi o encargado de darlles a benvida e de lembrarlles a importancia da prevención á hora de evitar accidentes. “Ás veces non somos conscientes dos riscos presentes no manexo dos tractores e apeiros agrícolas. A rutina e os excesos de confianza fan que cada ano haxa moitos accidentes que poderiamos evitar con sinxelas medidas”, apuntou Ferreiro Marzoa.